A continuación volvemos publicar a nosa reflexión Grupal do Módulo 1, coas modificación pertinentes.

Éste é o enlace que vos redixirá ao seu correspondente Storify: Storify "As Políticas Activas de Emprego"


REFLEXIÓN GRUPAL  
Marco de referencia da Orientación Laboral
Ponente: Teresa Bernal Cortegoso, Xefa do Servizo de Orientación Laboral da Cª de Traballo e Benestar


O tema elixido para a realización do traballo grupal é o Tema 1 "Marco de referencia da Orientación Laboral”.
Ligazón permanente á imaxe encaixada
A ponente, Dona Teresa Bernal, nesta sesión, deunos a coñecer, en primeiro lugar, o Servizo Público de Emprego de Galicia como unha estrutura pública dependente da Xunta de Galicia, que exerce funcións relacionadas coas políticas activas de emprego e que é a estrutura máis próxima ao cidadán, con 53 oficinas rexionais.



Consideramos que coñecer os servizos que proporciona o SPEG, como orientadores laborais, é esencial para poder informar aos demandantes de emprego de todos os recursos aos que poden acceder a través do seu sitio web ou persoalmente, o que permite un maior achegamento do Servizo de Emprego aos demandantes, aínda que non podemos esquecer que o Servizo Público de Emprego presta servizo tanto aos desempregados como ás persoas ocupadas e ás empresas.
Tamén nos explicou o que son as políticas activas de emprego, definidas coma o conxunto de accións e medidas de orientación, emprego e formación dirixidas a mellorar as posibilidades de acceso ao emprego, por conta propia ou allea, das persoas desempregadas; ao mantemento do emprego; á promoción profesional das persoas ocupadas e ao fomento do espírito empresarial e da economía social. Estas políticas deben ser desenvolvidas en todo o Estado, tendo en conta a Estratexia Española de Emprego, as necesidades das persoas demandantes de emprego e as esixencias dos mercados de traballo.
Diferenciouse cales son as competencias do Servizo Público de Emprego Estatal e do Servizo Público de Emprego de Galicia, quedando atribuídas a este último as políticas activas de emprego e a execución da lexislación laboral estatal e, ao Servizo Público de Emprego Estatal, a lexislación en materia laboral e as políticas pasivas e prestacións.
As políticas activas de emprego teñen como obxectivo último facilitar a inserción laboral e o mantemento do emprego e as políticas pasivas teñen como obxectivo garantir ingresos mínimos á persoa desempregada.


En relación á estrutura do Servizo Público de Emprego de Galicia sinálanse dúas Direccións Xerais (Traballo e Economía Social, Emprego e Formación), que á súa vez están integradas por diferentes Subdireccións. Por outra banda, hai que sinalar a existencia tamén das Xefaturas Territoriais e das Oficinas de Emprego. En canto ás Oficinas de Emprego, hai que destacar a existencia das oficinas de apoio ao emprendedor situadas na Coruña e Vigo, que proporcionan información para a posta en marcha de iniciativas emprendedoras.
Considerando os distintos trámites que un demandante de emprego pode facer nas Oficinas de Emprego, hai que destacar o da inscrición como demandante, trámite que lle vai otorgar uns dereitos e unhas obrigas. A inscrición como demandante realízaa o persoal da Oficina de Emprego, cibrindo todos os datos persoais necesarios para proporcionarlle un documento acreditativo da súa inscrición, o DARDE. Posteriormente realízase unha clasificación do demandante a través dunha entrevista persoal, a fin de rexistrar na base de datos o seu perfil profesional, dispoñibilidade e nivel de empregabilidade. A dispoñibilidade e empregabilidade non é un binomio exacto, xa que hai que ter en conta o mercado laboral da nosa contorna. Segundo os resultados da clasificación pódeselle ofrecer o servizo de orientación laboral co fin de mellorar a súa empregabilidade.

Entre os conceptos que foron explicados, atópanse tamén a ocupabilidade e a empregabilidade. Ocupabilidade é a probabilidade que ten unha persoa de atopar emprego na ocupación demandada e está relacionada coa situación económica e laboral da súa contorna. Empregabilidade é un indicador que informa sobre a adecuación do perfil da persoa demandante de emprego aos requerimentos competenciais da ocupación solicitada. Sinálanse como un medio para mellorar a empregabilidade as Accións Formativas para Desempregados (AFD).

Co fin de garantir a igualdade de oportunidades dos usuarios do Servizo Público de Emprego de Galicia, hai que sinalar que este está integrado nun proxecto chamado SISPE, que integra aos servizos de emprego das diferentes comunidades autonómicas e ao estatal, de xeito que a información e as actuacións que se desenvolven no ámbito das políticas de emprego parten dun marco de coordenación común.
Por último, sinalar que o SPEG presta servizos que poden ser englobados en tres grandes grupos:
  • Servizos para a mellora da empregabilidade
  • Axudas ao autoemprego e á economía social
  • Subvencións á contratación por conta allea
Entre os servizos para a mellora da empregabilidade, fíxose referencia aos Programas Integrados para o Emprego, considerados como unha batería de políticas de empregabilidade, que ten como obxectivo acadar unha inserción do 35% dos participantes en cada proxecto. En canto aos Programas de Cooperación, sinálase que un dos obxectivos é posibilitar a adquisición de experiencia laboral para aquelas persoas desempregadas que tendo formación carecen de experiencia.


PLAN DE EMPREGO ANUAL 2014: as medidas das políticas activas de emprego, obxectivos e análise.


A continuación, pasamos a realizar unha reflexión sobre un dos puntos tratados neste tema, en concreto sobre o Plan de Emprego Anual 2014. A xeito de introducción, sinalar que no Plan Anual de Política de Emprego 2014 recóllense as accións e medidas de políticas activas de emprego que levarán a cabo as Comunidades Autónomas e as políticas que levará a cabo o Servizo Público de Emprego Estatal.
Segundo establece o artigo 4 da Lei 56/2003, aprobada mediante Real Decreto 1542/2011, de 31 de decembro, o Plan terá carácter anual, e nel concretaranse os obxectivos da Estratexia Española de Emprego, obxectivos a acadar no conxunto do estados e nas CCAA.


Imagen3.png


As medidas de política de emprego que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverá no marco do Plan Anual de Política de Emprego para 2014, pódense agrupar do seguinte xeito:
  • Mellorar a empregabilidade dos mozos e por en marcha o Plan de Implementación da Garantía Xuvenil en España
  • Favorecer a empregabilidade de outros colectivos especialmente afectados polo desemprego: maiores de 55 anos, desempregados de longa duración beneficiarios do PREPARA
  • Mellorar a calidade da formación profesional para o emprego
  • Reforzar a conexión entre as políticas activas e pasivas de emprego
  • Promover o emprendemento


Os obxectivos que se perseguen ordéanse en torno a seis eixes principais que aglutinan as políticas activas: orientación, formación, oportunidades de emprego, igualdade de oportunidades no acceso ao emprego, emprendemento e mellora do marco institucional do Sistema Nacional de Emprego (ver anexo 1).
Chama a atención que no eixe relacionado coa Orientación, se fomente un servizo de información, orientación pofesional, diagnose individualizada, un servizo prospectivo con empresas, programas de orientación profesional para o emprego e o autoemprego. Destaca en primeiro lugar, porque na actualidade o Servizo de Emprego Público de Galicia, non ten os recursos humáns necesarios para a posta en marcha das accións que se mencionan. O que si se realizou foi unha dotación de recursos para a posta en marcha do plan de loita contra o fraude, outra das accións contempladas tamén neste eixe.  Isto lévanos a reflexionar sobre a valoración que se fai desde os Servizos Públicos de Emprego da Orientación Laboral como medio para facilitar a inserción.
Por outra banda, temos que valorar de xeito positivo todas as accións relacionadas coa formación, pois a existencia de mozos sen formación básica e do amplo colectivo de adultos con baixa cualificación afectados pola perda de emprego a consecuencia da crise, é un dos grandes problemas aos que hai que buscar unha alternativa. Na práctica da asignación dos recursos formativos botamos en falta unha concordancia entre o curriculum previo dos demandantes e a asignación dos cursos de formación; ou a  revisión dos criterios que deciden o contido desa formación que, en moitas ocasións, non se adecúa ás necesidades do mercado laboral; ou a selección dos candidatos dos cursos que, en último térmo, deciden os centros que imparten esa formación. É necesaria unha optimización dos recursos formativos, posto que son un dos pilares da mellora da empregabilidade.
En relación ás oportunidades de emprego, valoramos de xeito positivo os incentivos á contratación, se ben non tanto os convenios que se establecen coas universidades, corporacións locais e outras entidades para a contratación de persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), xa que dá lugar a que postos de traballos para os que en ocasións se require unha determinada cualificación, sexan ocupados por persoas que polos seus servizos van percibir o equivalente ao salario mínimo interprofesional e en ocasións unha cuantía inferior, frente a outros traballadores que polo mesmo traballo perciben un soldo superior. Non podemos esquecer tampouco que na práctica diaria estas contratacións non xeran unha continuidade  laboral, sendo habitualmente unha bolsa de man de obra barata, e moitas veces moi cualificada (Bolsas FEUGA, FUAC,...)
No eixe relativo á igualdade de oportunidades no acceso ao emprego, destacamos o fomento da  mobilidade xeográfica, e, neste contexto, a rede EURES. A nosa valoración, en principio, é positiva, xa que supón unha oportunidade para moitas persoas que non poden atopar un emprego axeitado no noso país, pero, por outra banda, consideramos que deberían ser valoradas as consecuencias que pode ter no futuro a marcha de mozos altamente cualificados, nos que se ten investido moito, tanto por parte do estado como das familias. Tamén hai incoherencias nesa presunta mobilidade de traballadores, dificultada pola imposibilidade de actualizar datos de formación reglada aprobada polo Plan Bolonia: estas titulacións necesitan de homologación do Ministerio de Educación para ser anotadas na demanda para intermediar na busca de emprego .
Neste eixe contémplanse outras medidas, coma o programa Concilia e a afiliación á seguridade social das mulleres cotitulares de explotacións agrarias, medidas que valoramos de xeito positivo xa que supoñen unha maior oportunidade para as mulleres.
No eixe do emprendemento, foméntase a creación de empresas, principalmente baixo a modalidade de empresas de economía social, así como a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para prestar axuda nestas iniciativas. A recuperación da figura dos axentes de emprego nas oficinas do SPEG  sería unha posibilidade de dinamización deste eixe.

Finalmente, en relación á mellora do marco institucional do Sistema Nacional de Emprego, chámanos moito a atención os convenios de colaboración coas axencias de colocación. A este respecto, non estamos en contra de que a iniciativa privada participe nas tarefas de intermediación, pero se engadimos á mencionada falta de persoal nas oficinas de emprego, este solapamento das actividades de intermediación co SPEG, o resultado final parece acercarse moito a un desmantelamento deste servizo público. Cando se trata de prestar servizos públicos nos que a igualdade de trato e oportunidades debería ser prioritario, dubidamos de que estes principios poidan ser respetados na súa totalidade pola iniciativa privada aínda que sexa a través de convenios coa administración, pois o interese económico destas empresas poden levar a que, en aras dun bo resultado cuantitativo, os colectivos desfavorecidos e de difícil inserción queden á marxe de distintas oportunidades laborais.


Para concluír, engadimos un enlace que vos dirixirá ao Anexo 1, anteriormente mencionado, e no cal atoparedes toda a listaxe de obxectivos que se pretenden conseguir na nosa Comunidade Autónoma distribuídos todos eles en 6 eixes:  orientación, formación, oportunidades de emprego, igualdade de oportunidades no acceso ao emprego, emprendemento e mellora do marco institucional do Sistema Nacional de Emprego.



0 comentarios:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus comentarios