22:29
0


A  orientación concíbese cada vez máis como un proceso continuo que se inicia nas primeiras idades do individuo e remata ao final da súa vida. A orientación non se concibe como algo periférico ou marxinal ao propio marco escolar.

En todo este curso, estas son as dúas frases que máis me fixeron pensar! Cando debe empezar a orientación laboral? Por que os orientadores do servizo galego de colocación non traballamos máis en contacto cos orientadores dos institutos? Cando un neno con 14 anos ten que escoller as asignaturas que quere facer, en qué se basa esa elección? Ten algo que decir nese momento o orientador? 

Educación e Traballo, as dúas consellerías que sempre se encontran (formación, certificados de profesionalidade, orientación…), por qué uns orientadores teñen que superar unha oposición, cun temario establecido, mentras que outros non teñen nin que ter un curso de orientación laboral ou outra formación específica para acceder ao posto? 

Facendo unha boa orientación laboral desde o instituto conseguiríase reducir o abandono escolar e unha mellor incorporación ao mercado laboral? Educación por competencias e non por contidos? Máis autoestima e autocoñecemento e menos datos?

Todos nacemos xenios, xa sabemos o que nos fai o sistema educativo. E se nono lembras, só tes que mirar o lino.it do día que veu Fernando a falarnos da comunicación!



Os IPI’s, unha das maiores perversións do sistema da orientación laboral! 


No papel… perfecto. Na práctica… deixa moito que desexar a utilización que os orientadores e orientadoras facemos deles! 

De ser unha ferramenta para mellorar a empregabilidade da xente con menos posibilidades de incorporación ao mercado laboral, convertíronse nun pase, nun cheque en blanco para acceder a cursos para cobrar a axuda de asistencia, moitas non, moitísimas veces sen ter o menor interese no contido do curso. É unha vergonza! Como pode ser que collan nun curso de cociña a un enxeñeiro que non ten o máis mínimo interese en ser cociñeiro, nin a nivel laboral nin a nivel persoal, e que vai ao curso botando pestes e sen posibilidade de renunciar porque o ten no IPI, e deixen fóra a xente que está realmente interesada no curso e que incluso xa ten feitos algúns dos módulos? 

Para un o consolo é que polo menos cobra, o outro non ten consolo, só bota pestes contra o Servizo Público de Emprego.



A prospección de empresas, ese callo malayo que ruxe ruxe na conciencia. 

No concello onde traballo ata hai dous anos había técnico de emprego e era a que se encargaba de todo o traballo coas empresas, o contacto con elas, o apoio na formación, etc. 

Desde hai dous anos ese traballo nono fai ninguén. Eu non me sinto capacitada, sobre todo por falta de tempo. Falta de tempo? Diredes. Pois si. 

Eu non sei noutros concellos pero no meu podo asegurarvos que o orientador laboral non se encarga só das entrevistas de orientación que marca a axenda, o orientador é o punto de referencia que ten o concello e os veciños do concello e incluso algúns veciños de outros concellos para todos os temas relacionados coa formación (cursos AFD, programa de formación municipal, competencias clave, acceso a ciclos, título da ESO e bacharelato a distancia…), o emprego (bolsa de emprego, obradoiro de emprego, plan integrado para o emprego, convocatorias de certificados de profesionalidade…)  e a orientación laboral (busca de emprego, CV, ofertas…). 

Sair en horario de oficina fóra da oficina? Imposible! Roubándolle o tempo a outras cousas e cando non queda outro remedio!



Por moita teoría que saibas, que leas, que vexas… é totalmente imposible que aprendas a facer un plan de empresa se non fas un. 

Ou esa é a miña experiencia. Teño ido a xornadas, a cursos, que se o perfil do emprendedor, que se a idea, que se a visión e a misión (aínda ninguén foi quen de explicarme claramente que son estas dúas cousas, intenta facer un plan de empresa e verán de qué che falo!), que se o produto, a mercadotecnia… 

E poste a facer o plan de empresa e: 
     1. A metade do que che contaron non che vale para nada, que ti non queres montar un Inditex!

     2. A metade da metade que che vale para algo non sabes cómo aplicalo a non ser que teñas moi  claras as contas e non che importe aventurarte con hipóteses a cinco anos. 

     3. Para facer o plan de empresa, como para todo na vida, é moi importante ter amigos, sobre todo amigos que che saiban botar unha man coa parte económica e que che saiban poñer os pés na terra para non irte polos cerros de Úbeda, que a idea que ti tes sempre é marabillosa e sempre lle vés moitas posibilidades! E unha vez que o tes feito, o primeiro que pensas é, “pois tampouco era para tanto”. Pero hai que facelo. 

Estamos preparados para ser ese amigo que che pon os pés na terra?



Que grande descubrimento o networking! 

Hai como un mes fun a unha xuntanza de networking en Santiago, chamábase Emprende way e eran seis ou sete sesións das que eu ao final só puiden ir a unha. Foi estupendo! 

Bares, que lugares! As sesións eran en diferentes bares da cidade e nunha delas tamén fixeron a técnica do ascensor! (foi a primeira vez que oín falar dela) 

A sesión á que eu fun consistiu nunha pequena exposición de 20 minutos sobre a creatividade (dinámica e creativa), descanso para tomar contacto cos outros asistentes e intercambiar tarxetas e experiencias, outros 20 minutos falando de financiamento (menos dinámica e creativa) e despois foi como volver á infancia-xuventude con xogos de dinámicas de grupos para coñecernos e relacionarnos. Estivo moi ben! 

E despois desto, que saín eu toda emocionada e encantada coa idea do networking, veñen ao curso a falarnos da Laconnet! En xaneiro nona perdo!

0 comentarios:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus comentarios